A rabia é a nai da couza.
Tan impuro, tan irracional, tan
desagradable; tremendamente humano. Inúndame a costelas e impídeme o respirar.
Ábreme por dentro e afloran as miñas entrañas. Percorre as miñas vértebras nun
calafrío tremendo. Pecho os puños e crávome as uñas ben a fondo, ata notar o
palpitar sanguíneo. Prefiro manter a boca pechada; mordo a lingua e trago o meu
propio veleno. Intoxico o meu propio interior con verbas que piden a vida,
pensamentos que deberan ser escoitados, xuízos que ficarán dentro de min relándome
o estómago.
Sempre nos dixeron que o veleno mata;
cando tragas este veleno, sentes a túa vida máis real. Todo tórnase
vívido. Insultos. Lembranzas. Lágrima
contida. Beizos tremelicando. Puñazo contra a parede.
A couza segue relando paseniño, con
dentadas diminutas. Agora síntoo nas meixelas; arrúbianse e a couza sabe que é
aí onde fica o corazón. E así, pouco a pouco chega ata todo o meu ser.
A couza cómese os bos momentos, porque
saben doce, e deixa so os amargos. A couza perfila as palabras acedas que te
dixo nun dos malos días. Recorta o día que decidiches deixar de escribir
porque o mundo quedábaseche grande e nunca chegarías a nada. Resalta a
impotencia do xiz na man, a resposta na cabeza, e a man inmóbil.
A couza déixate núa no medio da xente onde
todos te ven. Pero ninguén te mira.
E abres a man e ves a marca das túas uñas.
Demasiada fraqueza.
No hay comentarios:
Publicar un comentario