Séntome na torre vixía das túas ausencias. Non teño, non, maneiras de chegar
a ese recunchos inhabitados onde se esconden os resquicios de humanidade. Teño
un pequeno estorniño agardando pola túa chegada, oculto entre o cerebelo e as
vértebras. Que esqueceu a voz nesa guerra que perdemos unha vez. A gran fazaña
que lembrar. E no sabes, non, o moito que presiona cando chega a luz.
Odio ese día triste cando había tanta
luz. E, se subo á torre vixía, entran os mortíferos raios que me envelenan. O
circonio da claridade, a cicuta da luz. A violencia da visión perfecta que
retrata o imperfecto. Tórnase esperpento. O lume é o único que produce cinzas.
E eu non quero cinzas, amor. Eu non quero morte, non quero reducirme, non quero
desfalecer no sono para renacer nun onirismo falaz. Non coñezo realidade que
non sexa tebras. E convivo no meu templo, co máis infame dos altares. A torre
vixía que mana da luz, que se erixe terriblemente arrogante. Agónica no desexo.
Derribada pola súa propia construción. Babel nos teus ollos, amor. Mentres
retornas ao país das tebras. Das ventás abertas para que entre a noite. E
reloce o acibeche dentro da escuridade.
O aire puro ardía como papel; eramos
de madeira nun mundo de cristal. Tan triste como a súa opacidade. Non tiñamos
nada que gañar, pero aínda podiamos perder. E eu devecía pola túa compañía na
derrota. Por deixarnos vencer, cravar a nosa bandeira, que sempre foi unha
toalla branca. Retales dun mundo imperfecto violado pola luz. Inventamos a
escuridade, trouxemos a calma. Apolo aparcando a súa calesa alada para deixar
paso as frechas de Artemisa, que firen nas tebras. As pupilas eran do acibeche
que escintilaba na marexada calma das pálpebras cansadas. Agoteime nas marismas,
rasquei a pel nos cantís, salguei os beizos nas rochas. Nadei ata o mar
adentro.
Prometera que lle cercenaría as
alas, cos ollos cheos de bagoas. Que na miña soidade opaca as raiolas non se
converterían en gaiola. Eu sabía que non podía, pero nalgún punto do camiño
perdinme. Cheguei ata a estancia prohibida e descubrín tódalas estatuas de sal.
Todo o transfondo da súa felicidade. A supraestructura infame que soportaba do seu universo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario