Non es ti, non somos nós;
É ese pobo baleiro
entre a fronteira
da pequena mureira
na que habitan o miúdo desdén
e a diminuta serpe
que ás veces se che achega
e che trepa polas coxas
ata chegar ao peito morno
e cravarche os brancos cairos
Hai un punto no centro do padal
ao que non podes chegar
sen converter as beizos nunha mureira
na que habitan a infame soberbia
e a mediana serpe
que ás veces se che achega paseniño
e desfila por entre os folios en branco
e se envolve a durmir
no insomnio do baile dos teus dedos
mentres monologan
co dorso da man
ou quizais contra unha mesa baleira
porque pode que nunca chegues
á saída da mureira
onde habitan
a ridícula vagancia
e esa enorme serpe
que constriñe
as túas costelas
ata convertelas
en fractura
e deixar
verter o contido
do recipiente
pola base
chea de buratos
coa forma
das túas
propias unllas
(marcadas na palma da man)
No hay comentarios:
Publicar un comentario